Instruccións de ordenación e xestión dos montes de Galicia

  • 25 de Setembro 2014

O DECRETO 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia. entrou en vigor o pasado mes de agosto. Nel especificase claramente as novas figuras de xestión do monte galego a desenrolar nos vindeiros anos por todos os propietarios forestais: Plans de Ordenacións, Documentos Simples e Compartidos de Xestión e Documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas.

 

Deberán dotarse dun proxecto de ordenación (PO):

  1. Os montes públicos, os montes protectores e os montes de xestión pública.
  2. Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente consti­tuídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo.
  3. As persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares de superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.

 

 Deberán dotarse dun documento simple de xestión forestal (DSX)

  1. Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente consti­tuídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo.
  2. A persoa propietaria, sexa persoa física ou xurídica, dun monte particular de superfi­cie inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo.

 Deberán dotarse dun documento compartido de xestión forestal (DCX)

O conxunto de persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares onde ningunha superficie dunha mesma propie­dade poderá superar as 25 hectáreas en couto redondo.

Ámbito dos documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos

Poderán dotarse dun documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos:

  • Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente consti­tuídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo.
  • As persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares de superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.