AXUDAS PARA O FOMENTO DA SILVICULTURA

  • 2 de Outubro 2014

ORDE do 26 de setembro de 2014 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 e se convocan para o ano 2014.

Hoxe sae publicado no Diario Oficial de Galicia a orde de axudas para fomentar o cuidado dos nosos montes.

Ten como obxectivos os seguintes:

  1. A mellora silvícola das masas forestais existentes, con especial atención á consolida­ción dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras.
  2. O aumento da superficie forestal arborizada.
  3. A obtención de montes arborizados con producións elevadas e de calidade suficiente, que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consoli­dación de aproveitamentos complementarios.
  4. A promoción da silvicultura de xeito que contribúa como fonte de xeración de emprego das persoas que viven no rural.

 

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal (SOFOR), os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarios ou titulares dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poderen acceder a estas subvencións, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

 

Actuacións obxecto de axudas

Os cinco tipos de actuacións obxecto de axuda e os importes por actuación son os seguintes:

  1. Rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm e razón media altura a diámetro menor de 90.
  2. Rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas.
  3. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80 % de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m.
  4. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha:
  5. Tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade para serra ou chapa, en quendas de 25 anos.

 

Superficie mínima:

1. Para montes veciñais en man común con superficie total clasificada inferior ou igual a 50 hectáreas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas en couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

2. Para montes veciñais en man común con superficie total clasificada superior a 50 hectáreas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 5 hectáreas en couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola exis­tencia de barreiras naturais ou artificiais.

3. Para as SOFOR, asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, as entidades locais, cooperativas agrícolas, proindivisos, montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens e outras persoas xurídicas, a superficie mínima de actuación por solicitude será de 3 hectáreas en couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de ba­rreiras naturais ou artificiais.

4. Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de actuación mínima por solicitude será de 1 hectárea en couto redondo, sen que se admita máis dun couto redon­do. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.