OUTONO, A ÉPOCA DOS COGOMELOS

  • 9 de Outubro 2014

Aínda que cogomelos hainos todo o ano, é nesta época cando mais abundan nos nosos montes. Como novidade desta campaña, hai que dicir que entrou por vez primeira na nosa comunidade unha lexislación que se ocupa de xestionar estes produtos do monte:

DECRETO 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

 

 

 

O decreto recolle sete artigos onde se definen claramente os seguintes puntos:

Obxecto e alcance.

O obxecto é a ordenación e regulación do aproveitamento micolóxico, mediante a recolla de cogomelos ou fungos, nos montes e terreos forestais de xestión privada situados en Galicia.

Condicións específicas na realización dos aproveitamentos micolóxicos

Tanto na fase de localización como na de recolla de cogomelos e fungos non se em­pregarán máis instrumentos para a extracción que un coitelo ou navalla.

Deixaranse intactos os exemplares que non se vaian recoller por calquera motivo.

Os recipientes utilizados para o traslado e almacenaxe dos cogomelos terán que ser cestos ou recipientes de material permeable de semellante natureza, abertos pola súa cara superior, que permitan a súa aireación e a caída ao exterior das esporas.

Prácticas prohibidas na realización dos aproveitamentos micolóxicos

Entre estas, as principais son:

  • Remexer o chan, tanto na fase de localización como na de recolla, de xeito que se altere ou prexudique a cobertoira vexetal superficial.
  • Usar anciños, angazos, aixadas ou calquera outra ferramenta que altere a parte vexetativa do cogomelo.
  • Recoller cogomelos e fungos pola noite.
  • Romper ou deteriorar calquera exemplar que non sexa obxecto de recolección.
  • Recoller cogomelos nas primeiras e nas últimas fases do seu desenvolvemento, é dicir, cando os exemplares sexan demasiado novos ou demasiado vellos.
  • Recoller, alterar ou estragar exemplares de especies protexidas.
  • Trasladar e almacenar os cogomelos en bolsas de plástico ou similares,

Tipos de aproveitamento micolóxico

  • Aproveitamentos para consumo propio: son aqueles aproveitamentos de marcado carácter esporádico que presentan unha finalidade doméstica.
  • Aproveitamentos comerciais: son aqueles aproveitamentos a través dos cales a persoa propietaria ou xestora do monte ou terreo forestal pretenda obter un rendemento económico ou lucrativo ao seu favor.

Entendese  que existe aproveitamento comercial cando a recolla de cogomelos de calquera especie exceda a cantidade de 2 quilogramos de peso por persoa e día ou non sexan silvestres.

  • Aproveitamentos con fins científicos ou didácticos: son aqueles aproveitamentos que presentan un obxecto eminentemente científico-taxonómico, de identificación, de colección, educativo ou similar que deberá quedar acreditado suficientemente con anterioridade á execución do aproveitamento.

Os aproveitamentos para consumo propio ou fins científicos ou didácticos son libres, agás que a persoa titular regule o coutamento do seu aproveitamento...

Regulación dos aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais

  • As persoas propietarias de montes teñen dereito a coutar as súas propiedades, orientado á viabilidade e ao mellor aproveitamento micolóxico.
  • O aproveitamento micolóxico en montes ou terreos forestais de xestión privada situados en Galicia deberá estar regulado no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión, validamente aprobado pola Administración forestal.
  • En caso de non contar con instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, a persoa propietaria do monte ou terreo forestal poderá manifestar a decisión de prohibir a entrada de persoas.
  • Para este fin deberá remitir comunicación desta decisión á xefatura territorial da conselleira competente en materia de montes.
  • A recolla de cogomelos na modalidade de aproveitamento comercial estará sometida, en calquera caso, á autorización explícita e por escrito da persoa propietaria do monte ou terreo forestal.

Necesidade de autorización polos propietarios en caso de terreos afecta-dos por algún tipo de restrición

En caso de montes ou terreos forestais de xestión privada en que o aproveitamento micolóxico teña a consideración de comercial ou cando en calquera modalidade se estea a facer o dito aproveitamento dentro dunha superficie coutada, requirirase autorización expresa das persoas propietarias.

As persoas que dispoñan da citada autorización deberán levala consigo no momento de realizar o aproveitamento.

Sinalización dos montes e terreos forestais de xestión privada que presenten prohibicións ou restricións con respecto aos aproveitamentos micolóxicos

As persoas propietarias destes predios deberán coutar e sinalizar o perímetro sometido a restrición de acceso. Con esta finalidade, empregaranse sinais claros e facilmente visibles coa seguinte inscrición en letras maiúsculas «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora».

Estes sinais deberán estar situados no recinto coutado e nos accesos principais ao monte.

Para a sinalización prohíbese cravar ou esgazar con calquera elemento, manual ou mecánico, as árbores de forma tal que se lles produzan dano ou feridas.