APERTURA DUNHA NOVA TEMPADA DE CAZA

  • 16 de Outubro 2014

O vindeiro domingo comeza en Galicia unha nova tempada de caza. As épocas hábiles e réximes especiais por especies para esta tempada veñen determinados pola RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2014-2015.

O período hábil xeral para exercer a caza na Comunidade Autónoma de Galicia será o comprendido entre os días 19 de outubro de 2014 e o 6 de xaneiro de 2015, ambos inclusive, coas excepcións naturais que existen para cada especie. Destacando a caza do xabaril que vai dende o 15 de agosto ata o 8 de febreiro.

Os días que se pode practicar esta actividade nos nosos montes son os seguintes:

CAZA MENOR

Considéranse días hábiles de caza os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico.

CAZA MAIOR:

Considéranse días hábiles de caza os xoves, sábados, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico.

Queda prohibido realizar por motivos de seguridade, na mesma mancha e xornada, batidas sobre esta especie e practicar a caza sobre especies de caza menor.

Como feito mais salientable desta tempada é que entrou en vigor coa mesma a nova Lei de caza de Galicia, Lei 13/2013 do 23 de decembro. Unha lei adaptada aos novos tempos e as novas formas de practicar esta actividade nos nosos montes.

Galicia experimentou unha transformación acelerada na súa paisaxe agraria nos últimos anos. Cambios profundos nas estruturas familiares agrarias, tanto no modo de producir coma nos cultivos agrícolas e forestais, mudaron dun modo substancial os compoñentes do territorio e, por tanto, as condicións dos hábitats, que derivaron no incremento das poboacións dalgunhas especies en detrimento doutras.

É por elo que a caza menor, maioritaria hai uns poucos anos, cedeu protagonismo á caza maior, que crece na afección dos cazadores e cazadoras galegos e atrae progresivamente o interese dos cazadores e cazadoras foráneos.

Nestas circunstancias, e dado que a superficie cinexética de Galicia comprende máis do 80 % do territorio galego, a caza cobra un singular protagonismo, necesario no control de determinadas poboacións de especies silvestres para lograr un equilibrio ecolóxico e fundamental no normal desenvolvemento dos ecosistemas naturais. A actividade cinexética transcende da súa condición deportiva e lúdica e gaña peso na súa función social e ambiental.

Ademais diso, a caza móstrase como un instrumento de grande interese para o desenvolvemento económico de amplas zonas do interior do noso territorio, non só pola entidade dos recursos que promove, que poden ser moi elevados, senón porque o fai nun medio social.